sexta-feira, maio 26, 2023

Últimos días para participar nos showcases do MUMI 2023


 


O próximo venres 2 de xuño remata o prazo para que os proxectos musicais galegos e portugueses se candidaten á 4ª edición do Encontro Profesional de Músicas que se celebrará do 21 ao 24 setembro na Eurocidade Tui-Valença.


Queda exactamente unha semana para que artistas e bandas galegas e portuguesas interesadas en abrir novos mercados envíen as súas propostas musicais para optar a participar nos showcases que se celebrarán en distintas localizacións de Tui e Valença  entro da cuarta edición do MUMI.  As inscricións son gratuítas e poden facerse ata o próximo venres 2 de xuño a través da web mumimusicas.eu. Poden presentarse todas as bandas ou artistas de Portugal e Galiza que teñan un proxecto musical de carácter profesional, independentemente do tipo de formación ou estilo.


As propostas participantes serán escollidas por profesionais do sector, seguindo non só criterios de calidade, mais tamén de viabilidade dentro dos obxectivos e características da feira. A organización negociará as condicións económicas con cada banda/artista, dependendo do número de integrantes, ofrecendo unha noite de aloxamento para as propostas seleccionadas e garantindo o equipamento técnico necesario para a correcta realización da actuación. As bandas e artistas deberán cumprir cos horarios e tempos indicados pola organización, e permitirán ao MUMi a captación de fotografías e gravación de vídeo, cedendo os dereitos deste material para uso unicamente promocional.


Inscricións profesionais

As empresas de produción e management, axencias de booking, responsables de programacións musicais, profesionais da xestión cultural, persoal técnico dos departamentos de Cultura, xornalistas, e en xeral todas as persoas que fan parte do sector musical, tamén poden formalizar as súas inscricións, que permanecerán abertas ata as datas de celebración do evento, e que permitirán asistir a todos os showcases, palestras e sesións de traballo, ademais de participar nas rondas de speedmeetings, onde será posible axendar encontros con profesionais e artistas. Neste sentido, o obxectivo do MUMI é converterse no punto de encontro de referencia para marcar a axenda anual do traballo das empresas musicais galegas e portuguesas.


Presentación do programa

A programación do encontro será presentada a finais de xuño e incluirá showcases e actividades profesionais, tanto formativas como rondas de negocio, e contará tamén con concertos abertos ao público xeral nos que participarán artistas de ambos territorios.


En colaboración cos concellos de Tui e Valença, habilitaranse espazos emblemáticos de ambas cidades para acoller as diferentes propostas do programa co obxectivo de visibilizar non só a artistas e bandas, senón as posibilidades do traballo conxunto desta alianza estratéxica que é a Eurocidade Tui-Valença, e converter o MUMI nun espazo de coñecemento mutuo, oportunidades, sinerxías, traballo en rede e deseño de proxectos futuros.

A pasada edición, a feira reuniu a máis de 200 profesionais durante tres días

nos que se programaron 20 showcases, seis faladoiros, máis de 150 speedmeetings, e un festival con bandas transfronteirizas.


...

https://mumimusicas.eu/

Sem comentários: